O pasado 25 de maio celebramos en Compostela o II Foro galego da débeda. Na sesión de mañá, Marta Rodríguez e Carlos Taibo explicaron o noso lema, Non debemos, non pagamos! a través de senllas palestras sobre a xénese da débeda e as consecuencias sociais do seu pagamento. Xa de tarde, houbo unha mesa de debate entre diversos colectivos (Stop Desafiuzamentos Compostela, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Movemento FUE-Unión de Empregados Públicos, Aducab e a propia PACDGz) e a intervención dun compañeiro portugués do colectivo Democracia e Dívida.
Desde a reforma do artigo 135 da Constitución Española en agosto de 2011, o pago da débeda e os seus xuros goza de prioridade absoluta sobre calquera outro gasto do estado. A débeda pública non é a causa da crise-estafa (era un 35,5% do PIB en 2007) senón unha consecuencia da mesma (84,1% a finais de 2012). Os gobernos autonómico e estatal rescatan bancos e grandes empresas, mentres desmantelan os servizos públicos e afunden na miseria á poboación.
Que é unha crise-estafa sistémica é algo que puidemos constatar na mesa redonda cos diversos colectivos. Comezando pola débeda ecolóxica que pon de manifesto que a crise non vén desde 2008 senón que comezou moito antes, no momento en que os paises centrais se enriqueceron a costa dos países do sur, xenerándose as débedas histórica e ecolóxica, das que só poderemos sair a través do decrecemento. Outra das débedas invisiveis é a da sociedade coas mulleres, que levan a cabo os traballos reprodutivos e de coidados sen seren estes considerados nen valorados. Os recortes teñen, ademáis, unha incidencia maior na poboación feminina, porque atacan a sectores con moito emprego femenino, porque eliminan as axudas á dependencia e isto conduce a que sexan elas as que teñan que encarregarse de novo deste traballo, e a través da privatización dos corpos das mulleres como ferramenta de sometemento. A loita contra o capitalismo patriarcal pasa por poñer en marcha un sistema que coloque a vida no centro.
Os intereses do sistema capitalista pasan tamén polo acaparamento dos nosos recursos naturais e polo interese crecente do capital financeiro nos produtos agrarios. Esta desregulación dos mercados (imposibilidade de construir os prezos a partir dos custos de produción) supón a imposición de prezos ruinosos para as produtoras. Mentres, o diñeiro publico é gastado en fumigacións con produtos prohibidos, en concesións a empresas privadas de servizos antes proporcionados pola propia administración, etc. Todo isto unido ao desmantelamento dos servizos sanitarios e as escolas forma parte de unha estratexia de destrución do rural galego.
Existen outros casos en que a débeda é privada, e o acreedor é unha entidade privada, como no caso das hipotecas. No entanto, o estado e os cartos públicos son destinados a rescatar sen pudor á banca, mentres a poboación fica desprotexida e desafiuzada. Antes dun impago hai un despido que impide a chegada de ingresos e un recorte de servizos públicos, que aumenta o nível de gasto. Os desafiuzamentos non son un problema particular, senón unha cuestión social, son a consecuencia dun sistema estafador.
Na banca céntranse tamén os esforzos de aducab, que quere persoarse no proceso contra os directivos de NGC, responsaveis da xestión de NGC que ten levado a milleiros de persoas a seren estafadas polas preferentes e subordinadas. Que sexan os culpaveis da crise-estafa quenes paguen por ela e non nós.
A crise é tamén a excusa para desprestixiar ás traballadoras e traballadores do sector público, mentres se externalizan competencias a prezos desorbitados, que pagamos entre todas cos nosos impostos.
Así pois, confirmamos que a crise é do sistema, ao que hai que poñer fin e construir outros cuxo centro non sexa o capital senón as persoas. Ademáis, estar co compañeiro portugués é un primeiro paso para, desde o nodo galego da PACD, pensar en estratexias conxuntas con colectivos de Portugal.
É alentador constatar que existen xa numerosos colectivos que pelexan contra as medidas da troika, visibilizar o Non debemos, non pagamos! como eixo común pode ser unha maneira de desmontar entre todas o discurso institucional. Deste foro concluimos que debe ser un impulso para traballar de maneira conxunta, estando pendentes das loitas dos demais colectivos porque son tamén as nosas loitas, é a loita contra o sistema capitalista patriarcal. Xuntas podemos. Non debemos, non pagamos!