O nodo galego da PACD acudirá á manifestación do 25 de xullo baixo o lema «Que se lixe a troika. Non debemos, non pagamos!»

cartaz 25 Xullo

A Plataforma para a Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) imos acudir baixo este lema á manifestación do 25 de xullo. Porque queremos reivindicar:

– Unha auditoría cidadá da débeda, que nos permita coñecer con todo detalle o proceso que nos trouxo a esta situación (9500 millóns de euros de débeda pública na Galiza, un 28% máis que hai un ano).
– O non pago da débeda ilexítima, é dicir, a débeda que foi contraida en contra dos intereses do pobo, a través da socialización das perdas do sector privado e dunhas políticas de austeridade derivadas da mesma. A débeda pública non é a causa da crise-estafa (supuña un 35,5% do PIB do estado español no 2007) senón unha consecuencia da mesma (84,1% a finais de 2012).
– O rexeitamento dos custes sociais que supon o seu pagamento, que, en forma de recortes e privatizacions dos servizos públicos e sociais (saúde, educación, transporte, dependencia,etc.), empobrecen á poboación.
– Que os responsáveis desta situación asuman as consecuencias políticas e penais da súa nefasta xestión.
– A derrogacion de todas as medidas contitucionais e legais que impoñen o pagamento desta ilexitima debeda.
– Unha verdadeira democracia, que implique unha transformación do sistema para poñer no centro a vida e os dereitos e condicións de vida das persoas. Así, entendemos a auditoría como un mecanismo de empoderamento, que contribúa a recuperar a soberanía do pobo, dotando á sociedade dunha ferramenta a través da cal loitar pola transparencia, a democracia e a xustiza social.

Sairemos da Alameda de Compostela, ás 12, baixo unha faixa co lema «Que se lixe a troika! Non debemos, non pagamos!» e convidámosvos a unirvos a todas aquelas persoas que compartides connosco o rexeitamento ao pago dunha débeda que é ilexítima e ás políticas de austeridade impostas pola troika e asumidas pola Xunta de Galiza.

Que se lixe a troika! Non debemos, non pagamos!