Sin categoría

Rexeitar a privatización da sanidade pasa por rexeitar a débeda ilexítima

A sanidade como servizo público (e que sempre desexamos e valoramos como universal e de calidade), está hoxe en serio risco de esmorecer até rematar converténdose nun negocio máis, e dos máis rendibles, dende logo.

Aínda non asimilada a medida comunicada do imposto á enfermidade, establecendo un repago polos fármacos de dispensación hospitalaria, sae á palestra a intención de establecer e impulsar as chamadas “Áreas de Xestión Clínica”. Trátase de áreas independentes e autónomas que convivirán dentro dos propios centros, e que contarán con xestoras/es propios, así coma persoal e orzamentos propios. Introduce un criterio de rendabilidade, e unha competencia entre o propio persoal que ocasione a súa división, e impulsa dende dentro a austeridade nos tratamentos. Áreas que, ademáis, poden posteriormente ser privatizadas de xeito sinxelo, outorgándolle unha personalidade xurídica propia.

Esta tan preocupante medida, ven a ser sen embargo un xigantesco paso máis nese proceso de degradación e estrangulamento da sanidade pública, que pretende pouco a pouco unha privatización máis ou menos encuberta: repagos, reducións de persoal (3000 prazas vacantes froitos de xubilacións que non van ser cubertas), redución progresiva dos orzamentos (redución acumulada de 1614 millóns de euros nos últimos 5 anos), peche de quirófanos e de plantas enteiras (coma no hospital Abente da Coruña), de centros de atención primaria, desvío de operacións a centros privados…

Mais non é un problema únicamente da sanidade. Os recortes e repagos recaen en todas partes: en educación, en dependencia, nos servizos sociais, no funcionariado, nas pensións… Cal é o nexo común de todos estes recortes?

A DÉBEDA PÚBLICA. Desde a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda, ao igual que moitos outros sectores, colectivos e persoas, evidenciamos unha relación directa entre a débeda pública e os recortes. Que así sexa, vén determinado pola reforma da Costitución española por parte de PP e PSOE para priorizar o pago da débeda sobre calquera outro gasto. Que o PPSOE obedecese no 2011 os ditados da Troika e a UE trae como consecuencia que os xuros da débeda que temos que pagar á banca non deixen de medrar, sendo no 2014 a segunda partida máis alta dos orzamentos. A débeda aumenta e os recortes continuarán aumentando. Por iso é fundamental esixir a derogación desta reforma que atenta mesmo contra os dereitos fundamentais das persoas para incrementar os beneficios da banca

Mais a cuestión fundamental é que a orixe da débeda pública non é pública. A orixe da débeda non está no gasto en partidas sociais, en elementos que melloraran a vida das persoas, senón que estamos pagando, a través de rescates bancarios, as débedas privadas dos bancos e as grandes empresas (por agora, lévannos roubado 260.000 millóns de euros). Cando a poboación vese obrigada a pagar unha débeda que foi contraida ás súas costas e cuxo pago vai contra os seus dereitos, entón, falamos de DÉBEDA ILEXÍTIMA. Daí o lema que asume a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD): NON DEBEMOS, NON PAGAMOS.

Para rexeitar esta débeda ilexítima, propoñemos utilizar a ferramenta dunha auditoría cidadá: unha análise de todas as contas, levada a cabo pola propia poboación, para determinar qué parte da débeda é ilexítima, e polo tanto rexeitarse o seu pagamento. Unha auditoría entendida como ferramenta de empoderamento e loita da sociedade, de recuperación da soberanía do pobo, e que a partir da súa autoorganización, necesita apoiarse na mobilización e na unidade das loitas.

Por todo isto, desde a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda – Galiza, apoiamos a folga dos traballadores e as traballadoras da sanidade pública, e chamamos á poboación a participar nas manifestacións do día 10 nas cidades e vilas da Galiza. Mais imos moito máis aló, e cremos que todas as persoas e colectivos debemos confluir nas loitas, e traballar xuntas para o non pago da débeda ilexítima.pacdgaliza

FacebookTwitterMeneameWordPressTumblrMarcador
Sin categoría

[NdP, gal] Semana Global de Acción contra a Débeda ilexítima e as IFIs

pacdgaliza

 Nota de prensa

O pobo audita

Activistas de todo o estado español avanzan no proceso de Auditoría cidadá da débeda e amosan o seu rexeitamento á debedocracia e ao austericidio.

A Plataforma Auditoría Ciudadana de la Deuda -PACD- únese á mobilización internacional da Semana de Acción Global contra a Débeda e as Institucións Financeiras Internacionais, do 8 ao 15 de Outubro, para denunciar a ilexitimidade da débeda e as medidas de austeridade. Van presentarse, ademáis, os primeiros froitos do proceso de Auditoría Cidadá a través de diversas publicacións e actos públicos.

7 de outubro de 2013 - Do 8 ao 15 de outubro celébrase a Semana de Acción Global contra a Débeda e as Institucións Financeiras Internacionais. A Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) uniuse, coma noutras ocasións, a esta iniciativa que reivindica a xustiza económica e social ante a ditadura da débeda e a austeridade. Vanse levar a cabo numerosas actividades en varios puntps do territorio español para denunciar a ilexitimidade da débeda e os recortes.

A Semana da Débeda, que vai xa pola súa séptima edición, celébrase conmemorando o asesinato de Thomas Sankara, presidente de Burkina Faso, quen xa denunciaba en 1987 que o pago da débeda exprime á poboación para enriquecer a unha minoría. “No contexto actual, de recortes e austeridade, é de vital importancia continuar coas mobilizacións de denuncia da lacra da débeda, tanto no noso país coma fóra das nosas fronteiras” afirman desde a PACD.

No pasado Consello de Ministros do 27 de setembro foi aprobado un Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado no que o pago dos xuros da débeda alcanzará os 36.590 millóns de euros. Entre 2008 e 2012 teñense destinado 113.156 millóns de euros a pagar xuros. O pago de xuros da débeda previsto para 2014 será 6 veces maior que o destinado a I+D+i ((5.633 millones de euros), 25 veces o destinado a bolsas (1.413), 47 veces maior que o orzamentado para vivenda (770 millóns de euros) e 451 veces o que se dedicará a cultura (81). “Esta situación é absolutamente inxusta. É unha loucura recortar en gasto social para pagar unha débeda que beneficia á banca e ás grandes empresas” afirma unha activista da Plataforma.

Tal e como lembran desde a PACD “os recortes e reformas impulsadas polo goberno, lonxe de reducir os niveis de débeda pública, non fixeron máis que incrementalos”. A débeda pública pasou do 41,1% do PIB no 2007 ao 101,9% a finais de 2012 (segundo os datos do Banco de España calculados polo método de “pasivos en circulación”). Segundo o propio goberno, a débeda pública seguirá crecendo no 2014, en grande parte debido ao rescate do sector financeiro. E segundo o FMI non se estabilizará até 2018.

Co obxectivo de denunciar a situación, a PACD organiza diversas actividades ao longo de toda xeografía do estado, até en 8 cidades de Andalucía, Aragón, Cataluña, Galiza, Madrid e Valencia. “As veladas poéticas alternarán cos debates políticos, as presentacións de libros e informes, os video-foros, os teatros de rúa e as accións de denuncia” explican desde a Plataforma [ver programa de actividades estatais aquí. O programa de actividades na Galiza, aquí]. Con isto, a PACD pretende chegar a un público amplo e variado, para poder explicar con detalle en que consiste o endebedamiento e cómo se relaciona cos recortes. A PACD quere aproveitar tamén a Semana da Débeda para “ofrecer á poboación a posibilidade de unirse ao proceso de Auditoría Ciudadá iniciado no noso país hai máis de ano e medio”.

Esta Semana da débeda servirá ademáis para visibilizar os froitos do intenso traballo elaborado pola PACD ao longo do seu ano e medio de existencia. Vai ser presentado en Madrid e Sevilla o Informe dos Rescates á Banca, no que se explican, de maneira pormenorizada e comprensíbel, como os distintos mecanismos de inxección de liquidez á banca repercuten na débeda pública. En Barcelona e Sevilla vaise presentar tamén o libro “Por que non debemos pagar a débeda? Razóns e Alternativas” (Editorial Icaria) no que se recolle o proceso de endebedamento do estado español, os impactos en sectores como a educación ou a sanidade, a relación entre débeda e empobrecemento da poboación, así como do concepto de débeda ilexítima e a proposta de auditoría cidadá da débeda. Durante a Semana da Débeda vaise facer público tamén o informe sobre o Sistema Fiscal e a Débeda, elaborado desde a PACD, e vai ser difundido o traballo realizado no ámbito municipal e autonómico. Por un lado, téñense presentado diversas mocións en diferentes concellos do estado para denunciar os xuros abusivos impostos aos consistorios locais a través do Plan de Pagos aos Proveedores. Por outro lado, téñense realizado diferentes accións para denunciar a falta de transparencia das administracións locais e autonómicas.

Ademáis, a PACD súmase á acción internacional que, baixo o lema “Not our debt” (Non é a nosa débeda), pretende recoller a través das redes sociais accións internacionais, fotografías e mensaxes de persoas que, en todo o mundo, únense ao grito unánime de rexeitamento a unha débeda que non contraíu a cidadanía e que en moitos casos presenta claros indicios de ilexitimidade. Así como a PACD fai no estado español, en todo o mundo denúncianse os créditos e emisións de débeda que non teñen favorecido á poboación. Unha poboación que, sen embargo, está sufrindo o pago e as condicións impostas por Institucións Financeiras Internacionais coma o FMI ou o Banco Central Europeo (BCE) a través de instrumentos coma o Mecanismo Europeo de Estabiliadade (MEDE) e o rescate do sistema financeiro asinado en xullo do ano pasado.

Por todo isto, membros da PACD aseguran que, máis aló da Semana da Débeda, continuarán as mobilizacións esixindo unha auditoría cidadá que clarifique que débedas son ilexítimas. “O que non debemos, non imos pagalo” afirma unha activista da Plataforma.

Para máis información ou para concertar entrevistas, por favor, póñanse en contacto con nós:

auditoriagaliza@gmail.com

#NoEsNuestraDeuda #NotOurDebt #ElPuebloAudita #NoDebemosNoPagamos #NonDebemosNonPagamos

@AuditCiudadana @auditoriaGZ

facebook.com/AuditoriaCiudadanaDeuda

www.auditoriaciudadana.net

 

Sin categoría

Accións na Galiza na Semana da Débeda

Na Coruña:

12O: manifestación nacional, Non debemos, non pagamos! [12.00, praza da Leña].

17O: cineforum: debedocracia. [20.00, Casa da Farinha, Praza da Azcárraga, 6, baixo].

En Ourense:

8Out ao 15O: mesa informativa. [No Paseo, de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00].

10O: conferencia “A débeda odiosa”, por Carlos Martell. [Liceo de Ourense, 20:00].

11O: cinema e debate: “O diñeiro é débeda”. [Liceo de Ourense, 20:00].

12O: pasarrúas. [Parque de San Lázaro, 19:00]

En Ribadeo:

4O: enDEBEDArte, aprendendo sobre a crise da débeda a través da arte. Exposición posterior dos traballos en Amodiño.

11O: docufórum “Debedocracia”. [20:30. No Formigueiro, Casa do Bispo, Campo Xurado, 14 – Vilaselán]

25O: docufórum “Catastroika”. [20:30. No Formigueiro, Casa do Bispo, Campo Xurado, 14 – Vilaselán]

 

Acciones, Noticias, Portada

O nodo galego da PACD acudirá á manifestación do 25 de xullo baixo o lema “Que se lixe a troika. Non debemos, non pagamos!”

cartaz 25 Xullo

A Plataforma para a Auditoría Cidadá da Débeda (PACD) imos acudir baixo este lema á manifestación do 25 de xullo. Porque queremos reivindicar:

- Unha auditoría cidadá da débeda, que nos permita coñecer con todo detalle o proceso que nos trouxo a esta situación (9500 millóns de euros de débeda pública na Galiza, un 28% máis que hai un ano).
– O non pago da débeda ilexítima, é dicir, a débeda que foi contraida en contra dos intereses do pobo, a través da socialización das perdas do sector privado e dunhas políticas de austeridade derivadas da mesma. A débeda pública non é a causa da crise-estafa (supuña un 35,5% do PIB do estado español no 2007) senón unha consecuencia da mesma (84,1% a finais de 2012).
– O rexeitamento dos custes sociais que supon o seu pagamento, que, en forma de recortes e privatizacions dos servizos públicos e sociais (saúde, educación, transporte, dependencia,etc.), empobrecen á poboación. Continue reading

Sin categoría

Conclusións do Foro

O pasado 25 de maio celebramos en Compostela o II Foro galego da débeda. Na sesión de mañá, Marta Rodríguez e Carlos Taibo explicaron o noso lema, Non debemos, non pagamos! a través de senllas palestras sobre a xénese da débeda e as consecuencias sociais do seu pagamento. Xa de tarde, houbo unha mesa de debate entre diversos colectivos (Stop Desafiuzamentos Compostela, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Movemento FUE-Unión de Empregados Públicos, Aducab e a propia PACDGz) e a intervención dun compañeiro portugués do colectivo Democracia e Dívida.

Desde a reforma do artigo 135 da Constitución Española en agosto de 2011, o pago da débeda e os seus xuros goza de prioridade absoluta sobre calquera outro gasto do estado. A débeda pública non é a causa da crise-estafa (era un 35,5% do PIB en 2007) senón unha consecuencia da mesma (84,1% a finais de 2012). Os gobernos autonómico e estatal rescatan bancos e grandes empresas, mentres desmantelan os servizos públicos e afunden na miseria á poboación.

Que é unha crise-estafa sistémica é algo que puidemos constatar na mesa redonda cos diversos colectivos. Comezando pola débeda ecolóxica que pon de manifesto que a crise non vén desde 2008 senón que comezou moito antes, no momento en que os paises centrais se enriqueceron a costa dos países do sur, xenerándose as débedas histórica e ecolóxica, das que só poderemos sair a través do decrecemento. Outra das débedas invisiveis é a da sociedade coas mulleres, que levan a cabo os traballos reprodutivos e de coidados sen seren estes considerados nen valorados. Os recortes teñen, ademáis, unha incidencia maior na poboación feminina, porque atacan a sectores con moito emprego femenino, porque eliminan as axudas á dependencia e isto conduce a que sexan elas as que teñan que encarregarse de novo deste traballo, e a través da privatización dos corpos das mulleres como ferramenta de sometemento. A loita contra o capitalismo patriarcal pasa por poñer en marcha un sistema que coloque a vida no centro.
Os intereses do sistema capitalista pasan tamén polo acaparamento dos nosos recursos naturais e polo interese crecente do capital financeiro nos produtos agrarios. Esta desregulación dos mercados (imposibilidade de construir os prezos a partir dos custos de produción) supón a imposición de prezos ruinosos para as produtoras. Mentres, o diñeiro publico é gastado en fumigacións con produtos prohibidos, en concesións a empresas privadas de servizos antes proporcionados pola propia administración, etc. Todo isto unido ao desmantelamento dos servizos sanitarios e as escolas forma parte de unha estratexia de destrución do rural galego.
Existen outros casos en que a débeda é privada, e o acreedor é unha entidade privada, como no caso das hipotecas. No entanto, o estado e os cartos públicos son destinados a rescatar sen pudor á banca, mentres a poboación fica desprotexida e desafiuzada. Antes dun impago hai un despido que impide a chegada de ingresos e un recorte de servizos públicos, que aumenta o nível de gasto. Os desafiuzamentos non son un problema particular, senón unha cuestión social, son a consecuencia dun sistema estafador.
Na banca céntranse tamén os esforzos de aducab, que quere persoarse no proceso contra os directivos de NGC, responsaveis da xestión de NGC que ten levado a milleiros de persoas a seren estafadas polas preferentes e subordinadas. Que sexan os culpaveis da crise-estafa quenes paguen por ela e non nós.
A crise é tamén a excusa para desprestixiar ás traballadoras e traballadores do sector público, mentres se externalizan competencias a prezos desorbitados, que pagamos entre todas cos nosos impostos.

Así pois, confirmamos que a crise é do sistema, ao que hai que poñer fin e construir outros cuxo centro non sexa o capital senón as persoas. Ademáis, estar co compañeiro portugués é un primeiro paso para, desde o nodo galego da PACD, pensar en estratexias conxuntas con colectivos de Portugal.

É alentador constatar que existen xa numerosos colectivos que pelexan contra as medidas da troika, visibilizar o Non debemos, non pagamos! como eixo común pode ser unha maneira de desmontar entre todas o discurso institucional. Deste foro concluimos que debe ser un impulso para traballar de maneira conxunta, estando pendentes das loitas dos demais colectivos porque son tamén as nosas loitas, é a loita contra o sistema capitalista patriarcal. Xuntas podemos. Non debemos, non pagamos!