Rexeitar a privatización da sanidade pasa por rexeitar a débeda ilexítima

Sin categoría

A sanidade como servizo público (e que sempre desexamos e valoramos como universal e de calidade), está hoxe en serio risco de esmorecer até rematar converténdose nun negocio máis, e dos máis rendibles, dende logo.

Aínda non asimilada a medida comunicada do imposto á enfermidade, establecendo un repago polos fármacos de dispensación hospitalaria, sae á palestra a intención de establecer e impulsar as chamadas “Áreas de Xestión Clínica”. Trátase de áreas independentes e autónomas que convivirán dentro dos propios centros, e que contarán con xestoras/es propios, así coma persoal e orzamentos propios. Introduce un criterio de rendabilidade, e unha competencia entre o propio persoal que ocasione a súa división, e impulsa dende dentro a austeridade nos tratamentos. Áreas que, ademáis, poden posteriormente ser privatizadas de xeito sinxelo, outorgándolle unha personalidade xurídica propia.

Esta tan preocupante medida, ven a ser sen embargo un xigantesco paso máis nese proceso de degradación e estrangulamento da sanidade pública, que pretende pouco a pouco unha privatización máis ou menos encuberta: repagos, reducións de persoal (3000 prazas vacantes froitos de xubilacións que non van ser cubertas), redución progresiva dos orzamentos (redución acumulada de 1614 millóns de euros nos últimos 5 anos), peche de quirófanos e de plantas enteiras (coma no hospital Abente da Coruña), de centros de atención primaria, desvío de operacións a centros privados…

Mais non é un problema únicamente da sanidade. Os recortes e repagos recaen en todas partes: en educación, en dependencia, nos servizos sociais, no funcionariado, nas pensións… Cal é o nexo común de todos estes recortes?

A DÉBEDA PÚBLICA. Desde a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda, ao igual que moitos outros sectores, colectivos e persoas, evidenciamos unha relación directa entre a débeda pública e os recortes. Que así sexa, vén determinado pola reforma da Costitución española por parte de PP e PSOE para priorizar o pago da débeda sobre calquera outro gasto. Que o PPSOE obedecese no 2011 os ditados da Troika e a UE trae como consecuencia que os xuros da débeda que temos que pagar á banca non deixen de medrar, sendo no 2014 a segunda partida máis alta dos orzamentos. A débeda aumenta e os recortes continuarán aumentando. Por iso é fundamental esixir a derogación desta reforma que atenta mesmo contra os dereitos fundamentais das persoas para incrementar os beneficios da banca

Mais a cuestión fundamental é que a orixe da débeda pública non é pública. A orixe da débeda non está no gasto en partidas sociais, en elementos que melloraran a vida das persoas, senón que estamos pagando, a través de rescates bancarios, as débedas privadas dos bancos e as grandes empresas (por agora, lévannos roubado 260.000 millóns de euros). Cando a poboación vese obrigada a pagar unha débeda que foi contraida ás súas costas e cuxo pago vai contra os seus dereitos, entón, falamos de DÉBEDA ILEXÍTIMA. Daí o lema que asume a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda (PACD): NON DEBEMOS, NON PAGAMOS.

Para rexeitar esta débeda ilexítima, propoñemos utilizar a ferramenta dunha auditoría cidadá: unha análise de todas as contas, levada a cabo pola propia poboación, para determinar qué parte da débeda é ilexítima, e polo tanto rexeitarse o seu pagamento. Unha auditoría entendida como ferramenta de empoderamento e loita da sociedade, de recuperación da soberanía do pobo, e que a partir da súa autoorganización, necesita apoiarse na mobilización e na unidade das loitas.

Por todo isto, desde a Plataforma pola Auditoría Cidadá da Débeda – Galiza, apoiamos a folga dos traballadores e as traballadoras da sanidade pública, e chamamos á poboación a participar nas manifestacións do día 10 nas cidades e vilas da Galiza. Mais imos moito máis aló, e cremos que todas as persoas e colectivos debemos confluir nas loitas, e traballar xuntas para o non pago da débeda ilexítima.pacdgaliza

Share